Este poema pretende transmitir a preocupación xeral da contaminación, cambio climático e demais perturbacións no ritmo xeral do medio ambiente.
UN FUTURO INCERTO
Ecos de frustración inalienable,
de mutacións perturbadas polo fluír do tempo,
pronto isto só será unha seca interminable,
afogada pola tormenta solar perfecta
coa que todo rematará.
Ás veces penso en converterme en paxaro,
para vomitar todos os anaquiños de plástico
que foron colocados sen malicia nunha praia calquera,
isómeros desta aparente ignorancia que todos alimentamos,
acrecentándoa con promesas absurdas,
convenios que xa nada poden facer para evitar este final fatal,
que axexa entre as siglas dos congresos europeos
que tentan remediar o inevitable
(Montreal, Kyoto, Copenhague…).
Eu non son quen de ditaminar un xuízo
a favor do planeta Terra,
mais isto semella unha guerra extradimensional
dun universo contra toda unha especie,
unha loita sen exércitos e gases e residuos tóxicos como armas,
un fusilamento inconsciente do fogar que nos acolleu
como habitantes,
Contaminación exenta de explicacións
nin arrepentimento:
«Só os mellor adaptados sobreviven».
Ou só os que logren persistir esta masacre indemne
da especie humana contra o mundo.
C.P.R. Plurilingüe Calasancias (A Coruña)
2º de Bacharelato
Sabela Rodríguez Reino