Premios e recoñecementos

 

Todos os autores de traballos que se publiquen na páxina web do Congreso OCEÁNTICA2014 recibirán unha certificación de autoría emitida polo Campus de Excelencia Internacional – Campus do Mar, na que se recoñecerá o valor desa achega para a sensibilización da cidadanía sobre as temáticas do congreso.

Os traballos máis valorados polo xurado, tendo en conta o nivel de competencia curricular dos autores (70% da puntuación global) e máis votados no portal do congreso virtual (30% da puntuación global) serán premiados para participar nun campus científico – artístico – socio – ambiental.

Para poder optar a este premio, os traballos deberán ser individuais ou en parellas.

O campamento para premiados está previsto que se desenvolva entre o 21 e o 26 de xuño de 2014 nun lugar por determinar no ámbito xeográfico de Campus do Mar e ofreceranse un mínimo de 40 prazas.

Durante o campus de premiados desenvolverase un proxecto audiovisual en equipos formados por alumnos de idades e habilidades de comunicación diversas. O guión do vídeo duns 5 minutos de duración, estará inspirado polo lema: “Observo os espazos de interacción mar-terra-poboacións humanas, compároos co seu pasado, e fago propostas para un futuro máis sustentable e con respostas ao cambio climático”.

Ademais da elaboración deste produto, o programa do campus inclúe excursións e actividades lúdicas, de convivencia e artísticas. Durante o campus de comunicación científico-artístico-socio-ambiental tamén se desenvolverá unha obra de teatro musical que se presentará públicamente nun festival fin de campus.

Os alumnos premiados que non sexan de Galicia, deberán vir acompañados dalgún docente responsable, que se implicará no equipo de educadores do proxecto OCEÁNTICA e actuará en calidade de titor responsable ante a organización, as familias e comunidades educativas dos alumnos que acompañen. Neste caso os premios non serán firmes mentres non exista ese compromiso explícito por parte dos docentes acompañantes.

A organización farase cargo dos gastos de aloxamento e manutención dos participantes durante os días de duración do campus, así como dos traslados e actividades que se realicen. Os desprazamentos ao lugar de celebración do campus desde os respectivos lugares de orixe correrán por conta dos participantes.

Criterios de valoracion e votacions dos traballos:

Para a valoración final dos traballos terase en conta, tanto a votación dos usuarios da páxina web do congreso, como a valoración outorgada por un xurado.

O xurado, formado por educadores, investigadores e divulgadores científicos valorará os traballos e emitirá a súa cualificación en función dos seguintes criterios:

  • Grao de adaptación ás bases da convocatoria.
  • Orixinalidade da proposta.
  • Rigor na elaboración.
  • Capacidade de sensibilización.
  • Grao de madurez, en relación coa idade, na elaboración técnica.
  • Capacidade de relación entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.

As votacións dos usuarios da web quedarán activadas no momento da publicación do traballo. A plataforma informará daqueles traballos que reciban máis votos, que presentará como máis populares.

As cualificacións do xurado supoñerán un 70% da puntuación e as votacións dos usuarios da plataforma supoñerán o 30% restante.

A data límite para dar a coñecer os resultados definitivos das valoracións do xurado será o día 5 de xuño 2014. Unha vez publicada esta valoración definitiva, pecharanse tamén as votacións dos usuarios e quedará así establecida a relación de premiados e de suplentes.